El Correo Gallego Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting
Tierras de Santiago

Martes 07.09.2010

Culturas 
atrás Comparte en Yahoo la noticia Xosé Domingos Fuciños: “Aínda hai moito por investigar e descubrir” Comparte en Del.icio.us la noticia Xosé Domingos Fuciños: “Aínda hai moito por investigar e descubrir” Comparte en Menéame la noticia Xosé Domingos Fuciños: “Aínda hai moito por investigar e descubrir” imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

Presidente da asociación cultural terra de melide

Xosé Domingos Fuciños: “Aínda hai moito por investigar e descubrir”

Destaca as diferenzas de facer cousas sen axudas, valéndose do esforzo conxunto, e di que a crise económica fará que a xente teña que traballar un pouco máis do que ata agora, lembrado como se realizaban antes as tarefas

SANTIAGO. INÉS DOPAZO

 FOTO: correo tv
FOTO: correo tv
A Asociación Cultural Terra de Melide naceu no mes de decembro do ano 1976, "pero a vila de Melide sempre tivo un referente cultural importantísimo dende finais do século XIX", segundo explica o presidente da asociación, Xosé Domingos Fuciños, que engade: "Houbo grandes proxectos a través de diferentes sociedades, como por exemplo a Asociación Cultural Juventud Católica Melidense, no ano 1916, que recuperou San Pedro e organizaba as festas. E logo, xa na época da República, hai que lembrarse do Centro Recreativo e Instructivo Melidense e, neses anos de efervescencia cultural e política levaron a Castelao a dar conferencias e a Paulino Pedret Casado, cóengo na Catedral e profesor de Dereito Canónigo na Facultade de Dereito. Tamén creou un grupo de teatro que percorría as vilas da montaña en Lalín, Chantada, Curtis, Palas, Arzúa... Iso foi un referente para nós. Logo, no ano 1955, creouse un coro con declamación: Aires de Melide. E despois, no ano 1964, nace o Centro Instructivo e Recreativo de Melide, con fútbol, teatro e publicamos unha revista e no ano 1976 fundamos o teleclub no vello convento dos padres pasionistas".

– Vese que a inquietude cultural en Melide é dende sempre.

– Pois si. Nós somos herdeiros desa xente que traballou dende fins do século XIX. Había moitas sociedades, incluso de tipo relixioso. Melide aínda ten moito que contar e pódense facer moitos traballos de cousas inéditas. No arquivo municipal hai moitas cousas interesantes, moito que contar, moito que investigar...

– É un dos seus empeños, ¿non? Descubrir un pouco máis de Melide e poñelo en coñecemento dos demais

– Pois é o que vou facendo, pero modestamente porque eu non son investigador, son máis ben un afeccionado, pero inténtoo, como por exemplo en Radio Melide, onde hai pouco falei da mal chamada febre española –porque viña de Kansas– e acheguei datos como que en dous meses morreron duascentas persoas, dende outubro a decembro, no ano 18. Tamén a tipoloxía das enfermidades que había e xa figuraban, por exemplo, o cancro de mama, de cabeza e de cara. Non había mais ca dous médicos, e non existía a analítica, e íanselles poñendo nomes da época ás enfermidades. O 60% dos que morreron eran nenos. Animo a xuventude a investigar, que falta moito por contar e descubrir.

– É vostede afeccionado á cultura e tamén á historia, que unha cousa vai ligada á outra. Pero a sociedade non é só vostede, e non é o único afeccionado a afondar neste temas ¿non?

– Non. Por suposto. No Museo Terra de Melide está por exemplo a seu director, Xosé Manuel Broz, gran debuxante e mais investigador, e hai moita máis xente que está recompoñendo a nosa historia, e non só a de Melide concello, senón tamén de Toques. Tamén colaboramos co instituto nas xornadas que fan de ciencia, arqueoloxía e xeoloxía. Somos tamén socios do Museo do Pobo Galego, somos pequenos accionistas d’A Nosa Terra, e colaboramos con outras asociacións de Galicia, do mesmo tipo. Pero quería puntualizar que as asociacións, sobre todo nos anos 60, coma O Galo, O Eixo, Sementeira, O Facho..., non había Xunta de Galicia, as Deputacións non facían actividades culturais, nin deportivas, entón, as asociacións de toda Galicia tivemos moitos poderes que sortear para poder facer o noso traballo. Agora hai máis asociacións, pero teñen máis axudas das Administracións e todo
é distinto.

– Estamos en crise económica. A cultura corre o risco de ter menos posibilidades xa que as Administracións non invisten tanto nela ¿Estase a notar isto?

– Algo si. Pero tamén hai asociacións máis voluntariosas que están recuperando tradicións como a sega e a malla, e no mar tamén se fai un labor recuperando embarcacións que xa non existen. Todas elas teñen un mérito. Posiblemente vaiamos traballar un pouco máis do que se está a traballar agora pola crise.

– Vostede ten a sorte de contar cun arquivo familiar moi
importante

– Afortunadamente, si. É unha gran sorte que a xente garde as cousas doutro tempo. Foron moitos os que colaboraron co Museo Terra de Melide, proporcionando un arado, afiadoras... No eido pedagóxico sempre pedimos que non tiren as cousas vellas. Dende finais dos anos 70 hai unha revalorización do patrimonio a escala xeral, tanto etnográfico como bibliotecario e demais.

O PERFIL

-Naceu o 9 de novembro de 1949 en Melide. Terra que ama e descobre día a día.

-Estudou Bacharelato nos Escolapios en Monforte de Lemos, fixo o preuniversitario na Coruña, e logo estudou un ano na Universidade de Santiago.

-Como nunca é tarde, agora mesmo está cursando os estudos de Socioloxía na UNED.

-No seu tempo libre di que lle gusta tocar a gaita, tamén viaxar e camiñar. Ademais, colabora coa publicación mensual ‘Cerne’.

atrás Comparte en Yahoo la noticia Xosé Domingos Fuciños: “Aínda hai moito por investigar e descubrir” Comparte en Del.icio.us la noticia Xosé Domingos Fuciños: “Aínda hai moito por investigar e descubrir” Comparte en Menéame la noticia Xosé Domingos Fuciños: “Aínda hai moito por investigar e descubrir” imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
 
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de Tierras de Santiago envíe un
e-mail a redaccion@tierrasdesantiago.com. Titularidad
y política de privacidad