El Correo Gallego Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting
Tierras de Santiago

Martes 31.10.2006

Culturas 
atrás Añadir a Yahoo la noticia Na memoria do mestre Bernardo Mato. Por Marisa Mirás
Añadir a Del.icio.us la noticia Na memoria do mestre Bernardo Mato. Por Marisa Mirás
Añadir a Menéame la noticia Na memoria do mestre Bernardo Mato. Por Marisa Mirás
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

firma invitada

Na memoria do mestre Bernardo Mato. Por Marisa Mirás

* PRESIDENTA DA ASOCIACIÓN A OLIVEIRA DE TEO

Foi cando asistiamos ós actos, que a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia celebraba na illa de San Simón, para inaugurar o Ano da Memoria, que tivemos a primeira noticia da existencia de Bernardo Mato. Este home era un máis dos mestres que exercían a súa profesión no ano 1936, nunha escola do rural galego.

Sabiamos que o corpo de mestres foi un dos máis perseguidos e represaliados, cando nese fatídico ano xurdiu o golpe de estado contra unha incipiente República, que acababa de constituír os seus primeiros concellos democráticos, pero non tiñamos noticias de que no noso Concello de Teo tiveramos un caso dos moitos que se deron en todo o territorio galego.

Sobrecolleunos a súa historia, e en colaboración coa Asociación Siñor Afranio da Estrada decidimos indagar na parroquia de Santa María de Teo, onde el era mestre e vivía coa súa familia, a verdadeira historia deste home.

O primeiro era ir á parroquia e conseguir que alguén nos contara de primeira man quen era Bernardo Mato. Nos primeiros momentos, aínda que pareza mentira, atopamos algúns atrancos para que os poucos que se lembraban del se decidisen a falar. Na parroquia estaban convencidos de que se suicidara na súa casa natal da Estrada, que foi o que naqueles intres lles contaron.

Un home, que fora alumno seu, dubidaba desta versión e foi o primeiro en decidirse a contarnos cousas do mestre. Pareceunos tan interesante o seu labor que seguimos adiante e ó final conseguimos atar cabos e chegar á conclusión de que o mestre fora vítima da represión, da saña duns desalmados fascistas que o colleron e lle deron unha malleira tal que o levaría á morte. Existía o certificado dun médico, moi valente, que así o testemuñaba.

Coa colaboración da Asociación Siñor Afranio, argallamos unha pequena homenaxe, co único fin de que este home fose desagraviado e todos souberan por qué morreu Bernardo, deixando viúva e fillos de moi curta idade. Foi un acto sinxelo, pero cheo de emotividade. Fomos moitos os que asistimos a el, na súa escola, onde pretendía no ano 36 facer unha biblioteca, coa axuda dos emigrantes en Arxentina. Unha biblioteca que aínda hoxe non existe.

Un dos seus alumnos presentouse o día da homenaxe cun feixe de traballos feitos na escola do "Mestre". Uns traballos que resumían dun xeito gráfico a valía deste home, que morreu simplemente porque estaba de acordo co que libremente elixiran a maioría dos españois.

Foi un caso máis, pero tan achegado a nós que nos encolleu a todos. Estaba a súa familia, fillos e netos, os seus alumnos e nós.

Eu, particularmente, sentinme moi ben despois deste acto. Sentinme moi satisfeita de ter contribuído a que saíra á luz esta historia, que só é unha pequena mostra das barbaridades que se cometeron, en nome da "salvación", por parte duns golpistas seguidos por uns babecos desalmados. Son feitos que estamos dispostos a sacar á luz para que os nosos mozos, sobre todo, saiban o que realmente pasou, para que "animaladas" como esta e tantas outras que se deron na nosa Galicia, non se volvan repetir, nunca máis.


atrás Añadir a Yahoo la noticia Na memoria do mestre Bernardo Mato. Por Marisa Mirás
Añadir a Del.icio.us la noticia Na memoria do mestre Bernardo Mato. Por Marisa Mirás
Añadir a Menéame la noticia Na memoria do mestre Bernardo Mato. Por Marisa Mirás
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
 
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de Tierras de Santiago envíe un
e-mail a redaccion@tierrasdesantiago.com. Titularidad
y política de privacidad