Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Domingo 01.08.2010
Portada
atrás Comparte en Yahoo a nova Asumindo riscos
Comparte en Del.icio.us a nova Asumindo riscos
Comparte en Menéame a nova Asumindo riscos
imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

ARRÁS

Asumindo riscos

21.04.2007

E. ESPAÑADERO

Agrupación gañadora do último Certame de Grupos Folk de Radio Obradoiro e, arriba, portada do seu disco FOTO: Arrás
Agrupación gañadora do último Certame de Grupos Folk de Radio Obradoiro e, arriba, portada do seu disco
FOTO: Arrás
Como gañadores do Certame de Grupos Folk, organizado anualmente por Radio Obradoiro, o grupo Arrás conta xa cun primeiro traballo discográfico. O título escollido é unha auténtica declaración de principios desta nova formación: Asumindo Riscos.

Sen medo á convivencia dos instrumentos tradicionais galegos con outros máis contemporáneos, nin ás fusións e mesturas de diferentes estilos musicais, e con moitas ganas de conseguir un lugar e un espazo propio dentro do panorama musical galego, Arrás traballa colectivamente cada peza do seu repertorio cunha absoluta liberdade creativa que é unha das principais sinais de identidade do grupo.

A formación de Arrás está composta por Rocío Jiménez (voz), David Bellas (gaitas, saxo soprano e tenor, uillean pipe, whistles e bombo de pelica de cabra), Jimmy Faílde (batería e percusión), Pablo Gómez (piano, teclados, voz e coros), Michel Rivadulla (guitarra eléctrica e acústica, bandurria e coros) e Manuel Abraldes (baixo eléctrico e acústico, contrabaixo e fraseado brasileiro).

Os compoñentes de Arrás! xa vivirades anteriores experiencias noutros grupos, ¿non?
Para ningún de nós é este o primeiro barco musical no que embarcamos. No pasado formamos parte de grupos como Lume Fatuo, Dómine Cabra ou Chumbaí.

Os comezos desta nova formación, ¿como foron?
O grupo naceu a finais do ano 2005 por iniciativa dun colectivo de estudantes de Ensino Musical. Todo comezou como unha reunión de amigos coa única vontade de divertirse tocando xuntos, pero despois de expoñer cada un de nós as súas ideas musicais e de compartilas cos demais, demos o paso de plasmalas nunha primeira maqueta de tres temas. A partir de aí xa podemos considerar que formabamos un grupo estable.

O seguinte paso sería o do nome, ¿non?

Iso deu lugar a moita controversia, tanto dentro como fóra do grupo. Ao principio temos que recoñecer que sentiamos algo de vergoña cando nos preguntaban por el, pero xa sen complexos admitimos que llo puxemos así porque pretendemos, musicalmente, “arrasar” con todo.

Para preparar o repertorio co que traballades ¿seguides algún método determinado?

Normalmente, calquera de nós presenta unha peza ou unha idea e entre todos ímola elaborando e traballando ata que toma a súa forma completa. Esa é unha das nosas características como grupo, que todos nos involucramos en cada unha das pezas do repertorio. A partir dunha idea inicial, cada un de nós vai achegando algo.

E para escoller as pezas do disco ¿cal foi o criterio seguido?
O que quixemos foi ofrecerlle ao público unha viaxe musical. A persoa que escoite o disco completo achegará unha gran variedade; sen que exista unha liña claramente definida porque, de xeito intencionado, non queremos que exista. A nosa intención é a de investigar sonoridades, pero mantendo sempre unha coherencia na proposta que ofrecemos.

O título do disco, Asumindo Riscos, semella unha declaración de principios. ¿Cales son eses riscos?
Principalmente o da creba económica e o de que calquera día nos boten das respectivas casas (risas). Agora en serio, no do título existiu tamén certa polémica. O certo é que a nosa proposta non deixa indiferente a ninguén que a escoite, a nosa mestura de instrumentos e ritmos pode chegar a sorprender moito o público porque nos se acomoda nos sons habituais. Por iso decidimos titular así o disco, porque a sorpresa é a reacción máis habitual entre os que nos escoitan por primeira vez.

Para esta estrea discográfica contastes con varias colaboracións. ¿Cales foron?
Tivemos a gran sorte de contar cun bo grupo de amigos que quixeron acompañarnos na gravación. Xabier Gómez achegou o seu acordeón e a súa voz, Diego Rosende o tambor, Patricia Del Rey a súa voz e a súa pandeireta, Rubén Menchén o bombo, Martín Viaño a voz  e, por último, contamos coas “nosas” pandeireteiras: Rosa, Iria, María, Lucía e Cristina.

A gravación deste primeiro traballo discográfico é o froito de gañar o concurso de grupos folk que organiza cada ano Radio Obradoiro. ¿Supoño que estaredes satisfeitos co resultado de tervos presentado?
Non podemos negar a nosa satisfación por gañar o concurso e conseguir gravar o disco. Pero a parte negativa deste tipo de convocatorias (xa que o que nun principio semella ser marabilloso ten tamén algúns aspectos máis escuros) é que, unha vez gravado o disco, non contas con ningún tipo de distribución; a única canle para que o público poda mercar o teu traballo é por contacto co propio grupo. Ademais están as limitacións no tempo de gravación, que fan que o disco que gravas non teña toda a calidade que poderías ofrecer se as cousas se fixeran cunha pouca máis de calma. As cen horas de estudo das que dispós para gravar, mesturar e masterizar o teu traballo quedan moi curtas.

Entón o voso disco ¿foi gravado ás carreiras?
No noso caso tivemos a inmensa sorte de contar coa axuda e plena colaboración de Xabier Gómez, dos estudos Arte Dixital. A Xabier podémolo considerar como o “pai” do noso disco, grazas á súa complicidade co grupo tivemos a oportunidade de tomar as cousas con máis calma, ata quedar plenamente satisfeitos co resultado final. A súa implicación foi absoluta a todos os niveis e non teriamos palabras suficientes para agradecerlle todo o que fixo por nós.

Como grupo, ¿ata onde soñades chegar?

A verdade é que non nos marcamos ningún obxectivo concreto, iremos tan lonxe como nos deixen ou consigamos chegar. Nós preferimos vivir as cousas “ao día” e agora no único que nos centramos é no noso novo directo, un espectáculo que titulamos, seguindo co noso estilo, Rompendo As Fronteiras Do Folk.

 
atrás Comparte en Yahoo a nova Asumindo riscos
Comparte en Del.icio.us a nova Asumindo riscos
Comparte en Menéame a nova Asumindo riscos
imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade